28/04/2008
O DIRECTOR-GERAL DA UNESCO CONFIRMA A NOVA OPORTUNIDADE  DA CANDIDATURA DO PATRIMÓNIO IMATERIAL GALEGO-PORTUGUÊS PROMOVIDA POR PONTE...NAS ONDAS!
PONTE

O DIRECTOR XERAL DA UNESCO CONFIRMA A NOVA OPORTUNIDADE  DA CANDIDATURA DO PATRIMONIO INMATERIAL GALEGO-PORTUGUÉS PROMOVIDA POR PONTE...NAS ONDAS!

Solicitan unha entrevista urxente co Presidente da Xunta de Galicia




Tal como informabamos nunha nota de prensa remitida o pasado 17 de abril, desde que no mes de setembro de 2008 a Unesco, en reunión celebrada en Tokio, decidiu abrir o proceso para a inscrición na Lista Representativa do Patrimonio Inmaterial, segundo o novo procedemento establecido pola Convención para a Salvagarda do Patrimonio Inmaterial, a Asociación Ponte...nas ondas! transmitiu aos respectivos gobernos de España e Portugal, así como á Xunta de Galicia, a nova oportunidade que se abría para inscribir a Candidatura das Tradicións Orais Galego-Portuguesas na futura Lista Indicativa que se proclamará en setembro de 2009.


Desde entón, Ponte...nas ondas! mantivo os traballos de reformulación do dossier da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués ( conforme ás suxestións feitas no seu momento pola propia Unesco ) con un grupo de especialistas de universidades galegas e portuguesas.

Esta reformulación foi xa remitida ao Ministério de Cultura de Portugal para sometela á súa aprobación para que a proposta sexa remitida a División de Patrimonio Inmaterial antes do 30 de agosto deste ano e poida optar ás inscricións na Lista Representativa do Patrimonio Inmaterial que a Unesco fará pública en setembro de 2009.

A entrevista mantida entre o Director Xeral da Unesco e o presidente da Xunta de Galicia en París confirma o que desde Ponte...nas ondas! se vén manifestando: existe unha nova oportunidade para a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués. As palabras de Kochiro Maatsura confirman a avalización que a Unesco fixo da Candidatura en 2005 no sentido de recoñecer un patrimonio dunha grande riqueza e diversidade, aspecto destacado na candidatura galego-portuguesa. De aí que no informe remitido a ambos estados se recomendase a súa nova presentación, definindo e concretando nunhas cantas mostras este patrimonio común.

O interese mostrado polo Director da Unesco polo patrimonio inmaterial galego-portugués e a solicitude para que Galicia presente propostas abre as posibilidades de inscribir en 2009 o patrimonio común galego-portugués na primeira Lista Representativa do Patrimonio Inmaterial mundial.

Desde Ponte...nas ondas! valoramos o compromiso do presidente da Xunta coa Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués ( explicitado no Parlamento Galego con anterioridade ) no sentido de aproveitar o traballo realizado pola nosa asociación, que xa está en mans do Ministério de Cultura de Portugal, para que Galicia e Portugal poidan ter a primeira inscrición no 2009.

Para abordar o procedemento de presentación da proposta en París, Ponte...nas ondas! solicita unha entrevista urxente co Sr. Presidente para darlle conta do estado dos traballos e coordinar a presentación da Candidatura cos gobernos de España e Portugal. Igualemente agardamos unha entrevista co novo Ministro de Cultura de Portugal para abordar todas as xestións necesarias.que leven a bo porto esta empresa nos prazos marcados pola UNESCO.


 
20/04/2008
PONTE...NAS ONDAS ! ULTIMA A REFORMULACIÓN DO DOSSIER DA CANDIDATURA DO PATRIMONIO INMATERIAL GALEGO-PORTUGUÉS Enviada a proposta ao Ministério de Cultura de Portugal
No pasado mes de setembro, a Unesco, en reunión celebrada en Tokio, decidiu abrir o proceso para a inscrición na Lista Indicativa do Patrimonio Inmaterial, segundo o novo procedemento establecido pola Convención para a Salvagarda do Patrimonio Inmaterial. A Asociación Ponte...nas ondas! transmitiu aos respectivos gobernos de España e Portugal, así como á Xunta de Galicia, a nova oportunidade que se abría para inscribir a Candidatura das Tradicións Orais Galego-Portuguesas na futura Lista Indicativa que se proclamará en setembro de 2009. Desde entón, Ponte...nas ondas! estendeu a chamada ao resto da sociedade para que apoiase novamente a presentación desta Candidatura. Para iso, máis de dous mil xoves das dúas beiras do Miño ocuparon as catro pontes internacionais sobre o Miño nunha cadea humana que procuraba chamar a atención das institucións e dos organismos responsábeis para que respaldasen novamente a Candidatura, a primeira en ser promovida por centros educativos de dous países. O Congreso dos Deputados de España, aprobaba por unanimidade o 11 de decembro de 2009 unha nova resolución de apoio á presentación desta Candidatura, tal como fixera no proceso anterior no 2004, nunha iniciativa promovida polo deputado do BNG Francisco Rodríguez. En paralelo a estes apoios e actos, Ponte...nas ondas! vén realizando, coa coordinación dun grupo de especialistas de Galiza e do Norte de Portugal, pertencentes a varias universidades e institucións relacionadas co patrimonio cultural, a reformulación do dossier da Candidatura segundo as recomendacións formuladas pola propia Unesco. O equipo coordinador da reformulación está composto por: • Álvaro Campelo, Doutor en Antropoloxía, Profesor da Universidade Fernando Pessoa do Porto e Director do Centro de Antropoloxía Aplicada, da mesma Universidade. • Xosé Manuel González Reboredo, Membro do Consello da Cultura Galega, Director do Instituto de Estudos das Identidades do Museu do Pobo Galego. • Alexandre Parafita, Doutor en Cultura Portuguesa pola Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro. Investigador Integrado no Centro de Tradições Populares Portuguesas da Universidade de Lisboa. • António Reigosa, especialista en Literatura de Tradición Oral no Museo Provincial de Lugo. Escritor e Director do portal de Internet sobre o patrimonio lendario galego “Galicia Encantada”. • Carlos Nogueira, Doutor en Literatura Portuguesa pola Universidade do Porto. Investigador de Literatura Oral Tradicional. Este equipo está a traballar seguindo as indicacións do informe que a Unesco enviou a ambos Estados onde se recomendaba voltar a presentar a mesma proposta de Candidatura e centrar a atención nunhas poucas manifestacións do conxunto do patrimonio inmaterial galego-portugués intensificando as medidas sobre esas expresións culturais. A proposta de reformulación foi remitida xa ao Ministério de Cultura de Portugal. Dado que o prazo para a presentación das propostas de incrición remata o 30 de agosto de 2008, desde Ponte...nas ondas! avánzase nos traballos para a mellora do dossier que deberá ser presentado en París. Ponte...nas ondas! ten solicitado unha entrevista co novo Ministro de Cultura de Portugal para poder abordar o novo proceso.
 
12/02/2008
A MOCIDADE GALEGO-PORTUGUESA APOIA O SEU PATRIMONIO !
No Encontro Asociativo celebrado os días 9 e 10 de febreiro en Vila Nova de Famalicao no que se deron cita máis de 70 asociacións de Galiza e do Norte de Portugal, as asociacións presentes no Encontro acordaron dirixirse aos Ministerios de Cultura de Portugal e de España para solicitar a inclusión na futura Lista Indicativa do Patrimonio Inmaterial, que a Unesco fará pública en 2009, da Candidatura das Tradicións Orais Galego-Portuguesas impulsada pola Asociación Ponte...nas ondas! Ademais manifestaron o seu apoio a esta iniciativa que busca a posta en valor da identidade da Eurorrexión.
 
09/01/2008
ENCONTRO GALEGO-PORTUGUÉS DE RANCHOS DE REIS EN SALCEDA DE CASELAS
O Concello de Salceda de Caselas celebrará o próximo 13 de xaneiro un encontro de manifestacións do ciclo festivo do nadal galego-portugués. O Concello quer sumarse así ás entidades que están a apoiar a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués promovida pola Asociación Ponte...nas ondas! O Ciclo do Nadal é dentro do patrimonio inmaterial unhas das manifestacións cícilicas do calendario festivo anual. Dentro deste calendario festivo enmárcanse tradicións que aínda están vivas en Galiza e no Norte de Portugal como o de botar no lume unha cañota gorda que aínda é denominado o “Tizón do Nadal” ou a gastronomía que ten a súa excelencia en pratos como o bacallao con verzas ou couveflor. Desde a noiteboa até o día de reis sucédense as expresións deste patrimonio por toda a xeografía da Eurorrexión. Na noite do 24 de decembro e no propio 25 son os cantos ao neno Xesús, os cantos do nacemento e do portal de Belén. No fin de ano, os manueles e os cantos de xaneiras ou xaneiradas están tamén presentes en moitos lugares xunto con costumes como o de apedrar as árbores ou os cantos dos reis da fin do mundo. No véspera de reis, o costume de ir pedir os reis ou cantar os reis polas casas é unha tradición que aínda se mantén en moitos lugares de diversas formas. OS CANTOS E AS DANZAS DE REIS No Concello de Salceda de Caselas aínda se manteñen boa parte das manifestacións desde ciclo do nadal, especialmente as da época dos reis. Os cantos dos reis son un tipo de melodía nas que se relata a adoración dos Magos, a súa fuxida a Exipto e a viaxe a Nazaret e a Belén. A través dunha sucesión de estrofas cantadas vaise relatando esta viaxe que fan os Magos guiados pola estrela para ver ao neno que naceu en Belén. Durante moitos anos mantívose un singular canto de reis en Salceda de Caselas xunto con varios ranchos que complementaban con as súas danzas a cerimonia de ir cantar os reis polas casas. Esta tradición mantense tamén en lugares próximos como Riofrío en Mondariz, Guláns en Ponteareas e tamén no Norte de Portugal Para poñer en valor estas manifestacións, o Concello de Salceda de Caselas emprenderá un plan de recuperación dos cantos e dos ranchos de reis mediante a transmisión ás novas xeracións deste patrimonio que aínda está vivo no Concello. Para darlle visibilidade e ao mesmo tempo para mostrar a riqueza destas expresións que constitúen unha valiosa espresión cultural da Eurorrexión, o domingo 13 de xaneiro terá lugar na Igrexa de Santa María de Salceda ás 16.30 hs.o ENCONTRO DE CANTOS E DANZAS DE REIS GALEGO-PORTUGUÉS coa actuacións dos seguintes grupos de portadores: - Grupo de Cantadores e Danzantes de Riofrío de Mondariz -Grupo de Cantadores e Danzantes de Salceda de Caselas -Grupo de Cantadores e Danzantes de Guláns de Ponteareas -Grupo Folclórico de Barrozelas do Val do Neiva de Viana do Castelo
 
11/12/2007
APOIO DO CONGRESO DE ESPAÑA Á CANDIDATURA
O CONGRESO RECOÑECE O LABOR DE PONTE...NAS ONDAS !
APOIO Á NOVA PRESENTACIÓN DA CANDIDATURA DE PATRIMONIO INMATERIAL GALEGO-PORTUGUÉS Á UNESCO
O Congreso dos Deputados do Parlamento Español deu hoxe por unanimidade o apoio á presentación da Candidatura de Patrimonio Inmaterial Galego Portugués “As tradicións Orais”, no ano 2008 para que sexa inscrito este patrimonio na Lista Indicativa que a Unesco fará pública en setembro de 2009.
A proposta de resolución, aprobada por unanimidade, insta ao Goberno Español e a Xunta de Galicia, xunto co Goberno de Portugal a inscribir na futura Lista Indicativa do Patrimonio Inmaterial da Humanidade as Tradicións Orais Galego Portuguesas. Ademais, o texto da resolución fai unha referencia explícita ao amplo movemento social galego-portugués que apoia esta Candidatura e especialmente ao labor de Ponte...nas Ondas! como asociación impulsora e promotora. A proposta foi realizada por Francisco Rodríguez deputado do BNG.
Con esta resolución, o Congreso dos Deputados apoia así a reivindicación protagonizada polos xoves dos centros educativos o pasado 27 de novembro e as cadeas humanas realizadas por máis de 2000 mozos e mozas sobre as pontes internacionais do rio Miño.
Desde Ponte...nas Ondas! enténdese que esta resolución abre as portas á presentación da Candidatura en 2008 e asume a recomendación remitida pola propia Unesco aos Estados, español e portugués, onde se pedía que se voltase a presentar esta Candidatura.
Ponte...nas Ondas! fai de novo un chamamento a todas as asociacións, colectivos, entidades e institucións galegas e portuguesas, para que lle dean visíbilidade novamente ao apoio a esta Candidatura, mediante o compromiso de constituírse en entidades promotoras, empregando o logotipo da Candidatura e enviando o documento da adhesión a través desta Web: www.opatrimonio.org
 
10/12/2007
Apoio da Escola Rural á Candidatura
O II ENCONTRO-DEBATE sobre o Medio Rural e Educación celebrado en Chantada o 16 e 17 de novembro acordou nas súas conclusións realizar un apoio explícito á Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués segundo documento feito público pola Organización do Encontro, Nova Escola Galega.
 
28/11/2007
Xogamos co patrimonio lúdico
XOGANDO CO PATRIMONIO LÚDICO A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! convoca a I Xornada Escolar de Xogos Tradicionais Galego-Portugueses. Seguindo a dinámica de dar a coñecer o noso Patrimonio Tradicional Común a galegos e portugueses e duscubrirllo aos nosos alumnos e alumnas no marco escolar, a Asociación Ponte… nas ondas! organiza unha reunión lúdica e non competitiva no marco dun día de convivencia entre rapaces e rapazas de escolas galegas e portuguesas, na serie de actividades que se están a desenvolver para dinamizar e relanzar o patrimonio inmaterial galego-português de cara a NOVA OPORTUNIDADE para candidatar “As tradicións orais galego portuguesas” a Patrimonio da Humanidade. O xoves día 29 de novembro nenos e nenas de varias escolas galegas e portuguesas reúnense no Colexio Público Infante Felipe de Salvaterra de Miño para realizar unha xornada de lecer e transmisión de xogos tradicionais. Moitos destes xogos están a quedar en desuso e é necesario rememorar e transmitir ás novas xeración como se xogaba e tamén todo o seu saber asociado. Durante a mañá da quinta-feira 29 alumnado das dúas beiras comparten xogos e vivencias comúns para coñecer os xogos aos que xogaban os seus pais e avós e que por mor das circunstancias da vida moderna están caendo en desuso. Así, practícanse xogos de birlos, chave, rá, truco, bolas, chapas, chave, zancos, aros e peóns. As actividades rematan cunha masiva tirada simultanea de peóns.
 
02/11/2007
3ª edición do Día do Peón
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas!, en colaboración con Brinquedia, convoca aos centros de ensino a participar na 3ª edición do Día do Peón.
Tamén coñecido como trompo, buxaina, pión, trompa, sevillana… este xogo tradicional está a ser recuperado para o lecer das novas xeracións.

O grande suceso acadado nas pasadas edicións, chegando aos máis de 4 milleiros de participantes o ano pasado, impulsados nomeadamente por distintos centros de ensino de todo o país, fainos reflexionar sobre as potencialidades deste pequeno brinquedo, que cun rico contido oral apegado á nosa cultura proxéctanos dentro do ludismo universal.

Dada a coincidencia na data coa MOSTRA DO PATRIMONIO INMATERIAL GALEGO-PORTUGUÊS que se vai celebrar en Pontevedra do 7 ao 11 de novembro, queremos convocar aos centros que desexen a participar nunha grande festa de lanzamento de peóns que terá lugar o venres día 9 entre as 10 e as 14 horas na Praza da Ferrería de Pontevedra. Haberá agasallos de peóns e tamén a oportunidade de visitar a Mostra e o diversos obradoiros.
Como queira que se vai centralizar a atención dos medios de comunicación neste acto, pedímosvos que o alumnado asistente leve os seu propios peóns, de todas as fasquías e formas, mesmo “pezas singulares”.


Co fin de ter unha previsión de asistentes, pregámosvos que confirmedes a asistencia e o número de participantes nos seguintes teléfonos: Xerardo 635 499900- Lois 661418074

Consultar programa da Mostra aqui.
 
21/06/2007
I CERTAME DE RECOLLA DA TRADICIÓN ORAL
FALLADO O I CERTAME DE RECOLLA DA TRADICIÓN ORAL NO ÁMBITO DA EURORREXIÓN

A Asociación Ponte...nas ondas! convocou o I CERTAME DE RECOLLA DA TRADICIÓN ORAL nos centros educativos de ensino non universitario coincidindo coa Semana da Literartura Oral organizada pola Consellaría de Cultura e Deporte de Xunta de Galicia. Un total de 57 centros de ensino primario (básico en Portugal), secundario e Profesional foron os inscritos no Certame. Estes centros contaron coa presenza de narradores orais que impartiron sesións didácticas sobre as diversas expresións e manifestacións desta tradición oral. Cándido Pazó, Avelino González, Celso Sanmartín, Fátima Fernández ou Anxo Moure foron algúns destes narrodores que visitaron as aulas dos centros que se inscribiron no Certame. Tamén no marco desta actividade realizouse en marzo no Museo Pedagóxico de Galicia en Santiago de Compostela unha xornada de formación sobre a literatura oral para o profesorado dos centros participantes.
Unha vez recibidos os traballos realizados desde os centros educativos, o xurado do Certame, integrado por persoas de recoñecido prestixio no ámbito da tradición oral, deu a coñocer o fallo deste I CERTAME DE RECOLLA DA TRADICIÓN ORAL mediante a correspondente Acta. Como sempre que hai que xulgar o labor realizado neste caso desde os centros educativos, temos que dicir que tomar a decisión non foi sinxelo e que, a maiores dos gañadores, outros traballos poderían ser os elixidos, aínda máis esta vez na que o obxecto último deste traballo non era a recolla en sí mesma senón o traballo feito a posteriori con ela nos centros de ensino, e é aí onde atopamos traballos salientábeis polo seu contido didáctico engadido ao valor propio do material recollido.Na propia acta do xurado coméntase, valórase e xustifícase cada un dos premios outorgados
Os premios están dotados de 1.000 € no caso dos primeiros de cada categoría e de 500 € no caso dos segundos de cada unha das categorías. A entrega dos premios realizarase no marco da Semana da Literatura Oral que a Consellaría de Cultura realizará polo outono.

Agradecemos o traballo realizado por todos os centros participantes.
A entrega dos premios realizarase no marco da Semana da Literatura Oral que a Consellaría de Cultura realizará polo outono e convocarase oportunamente.

Noraboa a todos e todas os que mantedes o patrimonio para o futuro!

 
05/05/2006
PONTE...NAS ONDAS! PROPÓN UNHA NOVA RELACIÓN CON PORTUGAL
“ Galiza, atópase nunha situación estratéxica para exercer de ponte entre os cinco continentes a través da súa relación privilexiada con Portugal “.

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas! compareceu o 4 de maio na Comisión da Reforma do Estatuto. Catro membros da asociación achegaron ao Parlamento as propostas que a Asociación debateu para que figuren na proxima redacción do Estatuato.

Ponte...nas ondas! relatou na Comisión que desde hai algúns anos o seu labor foise ampliando a outros ámbitos como o da cultura e o patrimonio, especialmente a cultura común galego-portuguesa sustentada no patrimonio inmaterial galego-portugués. Este traballo tivo a súa concreción na promoción diante da UNESCO da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués.
O proceso desta Candidatura permitiu que a cidadanía galega e portuguesa tomasen conciencia de compartir unha identidade que se mantivo inalterada mesmo por riba das fronteiras políticas.
Por esta razón, as áreas onde o contributo a da Asociación se fixeron máis notorias foron nas relacionadas co mundo da eduación, a cultura, a comunicación e nas relacións con Portugal e a comunidade de países de língua portuguesa.
Despois dunha argumentación sobre a existencia dun patrimonio común con Portugal, fixéronse, entre outras, as seguintes propostas,:

EDUCACIÓN

Defendeuse que a lingua galega debe ser o idioma vehicular dun ensino laico, público e baseado no valores da escola moderna carácter público e universal.
Propúxose o Patrimonio Inmaterial Galego- Portugués sexa implantado como contido transversal no Sistema Educativo Galego.
Propúxose a creación dunha Universidade Galega a Distancia integrada no sistema universitario galego.
Ademais fomentarase a cooperación galega con Portugal e demais países lusófonos mediante a utilización das Tecnoloxías da Información e da Comunicación para remarcar a cultura común da que somos portadores.

POLÍTICA CULTURAL:

Se Galiza e Portugal comparten un patrimonio cultural que presenta unha unidade mantida ao longo da historia e obstinadamente fiel ao pasado, a cultura galego-portuguesa debe contemplarse cunha visión máis ampla, formando parte dun conxunto que sobarda os límites xeográficos da actual Galiza administrativa. Por esta razón, o patrimonio cultural común material e inmaterial deberá ser obxecto dun recoñecemento explícito e ao mesmo tempo deberase establecer un acordo con Portugal para destacar os elementos comúns que aínda permanecen na cultura dos dous países.
Nesta mesma liña, o intercambio cultural con Portugal será unha liña prioritaria a contemplar dados os vínculos sociais e históricos que a nosa cultura mantivo.
A cultura galego-portuguesa está hoxe presente nos cinco continentes e deberanse contemplar liñas de actuación para favorecer o coñecemento e o intercambio cultural cos países onde as expresións culturais máis próximas teñen aínda vixencia.
A cultura tradicional galega tivo como marco xeográfico de referencia a parroquia, homóloga da freguesía de Portugal, elemento tanxible do inmaterial sentido de pertenza.
Tanto dun xeito intanxible como físico, a cidadanía galega manifesta o seu sentido de pertenza na identificación circunscrita a un territorio, que non é o termo municipal, senón algo máis próximo: a parroquia.
Cómpre darlle personalidade xurídica e ese espazo, buscando o seu encaixe acaído na organización territorial do País, dando sentido pleno e configurando na realidade legal administrativa ese ente inmaterial pero moi presente como é a parroquia en sintonía coa estrutura das freguesias de Portugal.

RELACIÓNS CON PORTUGAL

“ Os galegos non aspiramos a confundir politicamente a nosa terra co Portugal rexido desde Lisboa, e non necesitamos saír de Hespaña para opoñernos á hexemonía de Castela e loitar pola nosa libertade. Pero dentro de Portugal quedounos a mitade da nosa terra, do noso esprito, da nosa língoa, da nosa cultura, da nosa vida, do noso ser nacional; (....) Queremos vivir unidos como vivimos nos séculos que seguiron á primeira independencia de Portugal. E para eso é necesario que se resolva previamente o magno problema da Península.”
Castelao.Sempre en Galiza

Con esta cita de Castelao Ponte...nas ondas! defendeu con base á súa praxe diaria que as afinidades e as relacións entre galegos e portugueses deben ir máis alá dos tópicos e das boas intencións.
Galiza, atópase nunha situación estratéxica para exercer de ponte entre os cinco continentes a través da súa relación privilexiada con Portugal. Por esta razón, as relacións con Portugal deberán ser unha das principais aportacións que o novo Estatuto recolla nos seus principios.
No ámbito da Europa sen fronteiras e na realidade dunha Eurorrexión que afortala os seus vínculos económicos, sociais e comerciais, as relacións entre o goberno galego e o goberno portugués teñen que constituír unha disposición que emane do novo Estatuto para desenvolver con éxito as potencialidades desta Eurorrexión, considerando ademais, as súas históricas afinidades socio-económicas, culturais e lingüísticas.
Por esta razón, Portugal debe ter no novo Estatuto unha referencia explícita recoñecendo que comparte un patrimonio cultural inmaterial con Galiza e cuxa unidade debe ser obxecto de protección, preservación e promoción tanto en Galiza como en Portugal.
Para alén desta referencia, as relacións con Portugal serán preferentes para o desenvolvemento de programas estratéxicos de cooperación cultural, económica e social.

LINGUA

Se temos unha base de expresións do patrimonio inmaterial que aínda dan mostras da unidade deste sistema lingüístico común, a lingua galega debe formar parte desta familia lingüística, deste tronco común. Se defendemos esta unidade cultural e este patrimonio común, propomos que a lingua de Galiza sexa o galego e que este forme parte do sitema lingüístico galego-portugués presente noutros países. Por esta razón propomos que Galiza forme parte da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa, onde se recoñezan as características propias da lingua galega .
Dado que o galego-portugués foi a lingua na que se produciu e enriqueceu o tesouro do noso patrimonio inmaterial, a normativa da lingua galega respectará e promoverá aquelas solucións comúns ao sistema lingüístico galego-portugués e dará solucións ás novas incorporacións do léxico de acordo coa Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa. Do mesmo xeito, a toponima galega, patrimonio inmaterial común con Portugal, terá como única forma a expresada no noso idioma. Neste sentido propomos que a denominación do noso país sexa Galiza.

OUTRAS PROSPOSTAS -

ORGANIZACIÓN TERRITORIAL:

- Proponse que na nova redacción do Estatuto desapareza o concepto de provincia por non adecuarse á realidade xeográfica galega.
- Debería establecerse un modelo de comarcalización con competencias en áreas que se delimitarán claramente e terse en conta as áreas metropolitanas que teñan unhas características específicas.
- Dentro dos concellos dotarase de estrutura xurídica propia ás parroquias, recoñecéndoas como células fundamentais da composición do país e onde se encontra arraigado o Patrimonio e os seu portadores.Temos un exemplo de organización local máis acaída á realidade territorial de Galiza en Portugal, onde o sistema municipal se estrutura partindo da freguesía.


REPRESENTATIVIDADE EXTERIOR:

Se o noso patrimonio inmaterial galego-portugués se encontra espallado polo mundo alá onde os portadores o levaron, esta diversidade e riqueza cultural debe ser obxecto de especial atención. Por este motivo, a representación exterior do goberno Galego debe figurar como un dos obxectivos prioritarios do novo Estatuto.
- O Goberno Galego terá representación exterior naquelas cuestións estratéxicas para o desenvolvemento de Galiza, tanto nos sectores productivos como na cooperación exterior e na difusión cultural mediante a habilitación de espacios normativos axeitados.
- A participación na Comunidade dos Países de Língua Portuguesa ou a representación na UNESCO e outros organismos de carácter cultural deberán contemplarse no Estatuto.
- Estableceranse relacións privilexiadas con Portugal, nomeadamente coa Regiao do Norte para afortalar os lazos históricos que nos unen.
- Se a diáspora é o capital humano que pode posibilitar as relacións especiais con certas áreas do mundo, a cultura e a lingua poden aproximarnos ao universo lusófono co que cómpre establecer redes específicas e plurais no campo económico, empresarial, cultural, educativo, etc.
En Galiza a 4 de maio de 2006
 
15/03/2006
IMPORTANTE DECLARACIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA EN RELACIÓN COA CANDIDATURA DO PATRIMONIO INMATERIAL GALEGO-PORTUGUÉS
O presidente da Xunta compromete o seu apoio á nova presentación da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués no Parlamento Galego.

Nunha comparecencia o día 8 de marzo de 2006 no Parlamento Galego, Emilio Pérez Touriño comprometeu que o Goberno que preside porá todos os medios, de xeito firme e decidido, para conseguir dar un impulso definitivo e fortalecer a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. "Este Goberno asumirá, por enriba de todo, o desafío de fortalecer a Eurorrexión, de consolidar, ampliar e darlle un novo horizonte", subliñou. O máximo mandatario galego referiuse á necesidade de reforzar a imaxe e a proxección exterior da Eurorrexión. "As oportunidades neste eido son múltiples e variadas, sustentadas polos estreitos vínculos que existen entre Galicia e o Norte de Portugal", sinalou, engadindo que, polo tanto, é preciso elaborar estratexias que reforcen o campo turístico, audiovisual e cultural, impulsando de novo a candidatura galaico-portuguesa á declaración pola Unesco como Obra Mestra da Humanidade.
 
09/01/2006
OS RANCHOS DE REIS: UNHA MANIFESTACIÓN DE EXCELENCIA DO PATRIMONIO INMATERIAL
A CONSELLERÍA DE CULTURA AXUDARÁ Á DIVULGACIÓN DESTA TRADICIÓN



A Delegada de Cultura visitará Riofrío (Mondaríz), Santa María (Salceda de Caselas) e Guláns (Ponteareas)

Dentro do Ciclo de Nadal, o patrimonio inmaterial galego-portugués conserva aínda manifestacións vivas tanto no Norte de Portugal (cantos de janeiras) como en toda Galiza.
Os denomindaos Ranchos de Reis constitúen unha das expresións máis singulares da tradición de Nadal no Sur de Galiza.
Trátase de danzas, con paus, castañolas ou arquillos, cunha grande influencia hispanoamericana, resultado da transculturación producida pola emigración galega e a influencia de danzas de orixe africana en Cuba e Brasil (lugares de emigración).
Aínda que se conservan vivas en Riofrío (Mondariz), Guláns (Ponteareas) e Santa María (Salceda de Caselas), o perigo de desaparición é real debido á falta de transmisión deste patrimonio ás novas xeracións. Por este motivo, estes Ranchos de Reis foron incluídos como unha das manifestacións de excelecencia no Ciclo de Nadal dentro da Candidatura de Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués á UNESCO.
A Consellería de Cultura, consciente do seu valor e importancia, dentro dun plan xeral de protección e promoción do patrimonio inmaterial, prestará unha atención especial a todas as manifestacións do Ciclo de Nadal, especialmente a dos Cantos e Danzas de Reis.
Neste sentido o Director Xeral de Promoción e Difusión Cultural, D. Luis Bará, e a Delegada Provincial da Consellería de Cultura, Dna. Marta Souto, manteñen contactos coas comunidades de portadores destas tradicións. Unha mostra deste interese é a convocatoria da Consellería de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Creación e Promoción Cultural e máis o Concello de Boimorto, o Primeiro Concurso de Recollida de Panxoliñas e Cantares de Reis, co fin de contribuír á estabilización do patrimonio folclórico galego relativo ao nadal.
A Delegada de Cultura de Pontevedra visitará o próximo 6 de xaneiro as localidades de Riofrío en Mondaríz e Santa María en Salceda de Caselas e o día 7 a parroquia de Guláns en Ponteareas para presenciar in situ as manifestacións destes Ranchos de Reis.

 
28/12/2005
URUGUAI E GALIZA: ALGO MÁIS QUE FÚTBOL
O xoves 29 vaise producir un feito disque histórico: Unha selección de fútbol de Uruguai vaise enfrontar en San Lázaro á selección galega. Neste ano 2005, a cultura galego-portuguesa optou a ser proclamada como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Esta cultura galego-portuguesa encóntrase espallada polo mundo.

A disputa deste encontro de fútbol vai amosar –en certo modo- a nova liña que se vai levar a cabo dentro da política deportiva da actual Dirección Xeral para o Deporte.

Desde Brinquedia – Rede Galega do Xogo Tradicional traballamos na posta en valor do noso Património Lúdico, como parte do Patrimonio Inmaterial, porque entendemos que a promoción do xogo tradicional galego leva implícita a promoción da cultura galega e –polo tanto- a reconciliación coa nosa cultura.

Neste senso, somos coñecedores de que no Uruguai existe o Centro Deportivo e Sociedad de Bolos Valmiñor, formado –nomeadamente- por emigrantes da comarca pontevedresa, que mantén vivo na outra beira do Atlántico un dos xogos/deportes tradicionais galegos con máis aceptación dentro do noso país: os Bolos Celtas, que podemos atopar en Galiza con distintos nomes e variantes (Bolo de Xove, Vianés, de Cedofeita, de Santalla, Birlos ao Canteiro, na Órrea...).

Ante estas circunstancias e sabendo que o partido de fútbol inaugural da selección galega vai ser contra a selección do Uruguai, Brinquedia propuxolle á Dirección Xeral para o Deporte que se celebrase –arredor do mesmo acto- unha partida de Bolos Celtas entre xogadores/as do Val Miñor “de aquí” e o “Val Miñor de alá”, complementando o acto con contidos culturais e de lezer, ao tempo que se promovería o noso Patrimonio Cultural e se realizaría un acto de irmanamento entre os galegos das dúas beiras do Atlántico.

Desde Brinquedia lamentamos que o fútbol acapare medios e recursos e que a noso deporte tradicional- en risco de desaparición- non conte coas mesmas oportunidades en actos que contribúen á irmandade entre os pobos, como é o partido de fútbol que o xoves se vai celebrar en San Lázaro.

Asdo.: Lois Pardo

www.xogospopulares.com
correio-e: brinquedia@mail.com
 
20/12/2005
A Asociación Ponte...Nas Ondas manifesta a súa ledicia pola consecución do premio á Mellor iniciativa no campo da comunicación en medios informativos
Agora ábrese un novo ciclo encamiñado a establecer unha comunicación entre os países onde a cultura galego-portuguesa está presente



Asociación Pedagóxica “Ponte...Nas Ondas” quere manifestar a súa ledicia polo recoñecemento que supón para o traballo desenvolvido nos últimos once anos na xornada de Radio Interescolar “Ponte nas Ondas” o galardón que lles vén de conceder a Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta coma Mellor iniciativa no campo da comunicación en medios informativos dentro dos Premios Galicia Comunicación 2005. O xurado estivo formado por directores de medios impresos, radios, axencias de noticias e decanos ademais de, por membros da Administración.

A Asociación “Ponte... nas Ondas” quere facer partícipe do premio a todos os centros educativos que participaron nesta iniciativa dende a súa posta en marcha hai once anos, así coma as radios tanto galegas coma portuguesas que neste tempo formaron unha parte non só importante, senón tamén imprescindible, para o desenvolvemento desta xornada de radio interescolar. Foron a Rádio Ecos da Raia de Monçao, a Rádio Ines Negra de Melgaço, Rádio Cultural de Vilanova de Cerveira, Rádio Montealegre, Radio Municipal de Tui, Radio ECCA de Vigo, Radio Allariz, a emisora Escolar Casa da Cultura de Salvaterra de Miño, a Radio Galega e CMHW La Reina Radial del Centro de Cuba.

Os promotores desta iniciativa consideran que Ponte...nas Ondas! ten demostrado “as potencialidades que unha iniciativa nacida nesta parte do territorio é capaz de desenvolver atendendo as posibilidades propias”, converténdose en “innovadora e pioneira”. Con Ponte...nas Ondas! as escolas lograron a “incorporación activa dos xoves a un medio de comunicación como é a radio, cunha clara finalidade educativa”, unha experiencia enriquecida coa chegada das novas tecnoloxías, un feito que “agrandou as potencialidades iniciais”.

“Ponte...nas Ondas!” xurdiu en 1995 coincidindo coa inauguración da Ponte Internacional entre Salvaterra e Monçao. Daquela, as escolas decidiron aproveitar as radios escolares que había xa en moitas delas para tender unha ponte que fose máis alá, e unise aos centros educativos das dúas beiras do Miño. Aquela primeira experiencia de doce horas de radio foi crecendo afondando e traballando en temas coma a Rota do Escravo, ou coma nas últimas edicións o Patrimonio inmaterial Galego-Portugués.

Ao longo destes once anos Ponte...nas Ondas! foi sumando apoios, tanto por parte dos centros escolares participantes, coma por parte das radios galegas e portuguesas que un día ao ano ceden as súas ondas para transmitir as voces dos escolares. Tamén houbo neste tempo un apoio destacado de Telefónica de España, e de grandes figuras da comunicación coma Julia Otero, Iñaki Gabilondo, Gemma Nierva ou o portugués Diamantino José que nos seus programas conectaron con “Ponte...nas Ondas!”.

No ano 2004, cumprindo os dez anos, chegaba o recoñecemento europeo da man do EBLUL (European Bureau For Lesser Used Languages), organismo consultivo da Unión Europea e da UNESCO, que por unanimidade lle outorgaba a cualificación de experiencia “modelo” e exemplo de “boas prácticas”.

Sería innumerable relatar o número de artistas, galegos, portugueses, brasileiros e españois que tamén quixeron facer a súa aportación a este proxecto educativo.

Ás novas tecnoloxías, internet, permitiu amais estender a iniciativa a outros lugares onde as ondas sonoras tiñan moito máis difícil acceso, e coa difusión da xornada de radio por internet sumáronse escolas doutros puntos de España ou mesmo de Europa, pero tamén se tendeu unha ponte atlántica chegando ate o Brasil.

O traballo desenvolvido en torno ao Patrimonio deu pé á promoción da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego Portugués que chegou o pasado mes de novembro á UNESCO. Candidatura que suscitou o apoio unánime de entidades e institucións de Galicia e de Portugal e apoios tan importantes como o do Parlamento de Galicia, o Congreso dos Deputados de España ou os grupos do Parlamento Europeo.

Pero ese mesmo traballo centrado na tradición musical está refrexado nun traballo innovador e moderno que recolle o libro-disco-dvd de “Meniños Cantores”, que está a ter unha grande acollida.

“Ponte...nas ondas!” vén de rematar un ciclo que culmina de xeito brillante coa consecución deste premio á Mellor iniciativa no campo da comunicación en medios informativos. Agora iniciase unha nova etapa na que esta experiencia “quere abrirse á sociedade galega e portuguesa, para compartir e ofrecer, unha actividade innovadora e creativa” que será a través da conversión de Ponte...nas ondas! nunha plataforma de educación, comunicación e cultura. Esta será unha innovadora experiencia ao reunir nunha mesma iniciativa os ámbitos da educación, a comunicación, as novas tecnoloxías,e o ámbito cultural co obxectivo prioritario de establecer unha ponte cos países onde a cultura galego-portuguesa está presente.
 
12/12/2005
Os promotores do Patrimonio Inmaterial collen novos folgos no “itinerario dun soño”


Onte reuníronse nunha cea na que coñeceron os porqués da non proclamación

Un centenar de persoas vinculadas á Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués reuníronse, onte venres 2 en Tui, nunha cea na que “o espíritu que fixo nacer esta Candidatura lonxe de extinguirse colleu novos folgos”.

Na mesma púxose de manifesto que hoxe en día galegos e portugueses “somos máis conscientes de compartir un patrimonio común” sabemos algo máis deste “tesouro inmaterial”.

Previamente á Cea os promotores deron á o coñecer aos asistentes que a difícil aplicación dun Plan de Acción sobre o conxunto do patrimonio tan amplo e tan diverso que se propuña na Candidatura, e o feito de non recoller no informe remitido dende o Consello de Filosofía de Portugal, o proceso de xestación desta Candidatura a partir dos centros educativos galegos e portugueses, foron fundamentalmente os argumentos que incidiron negativamente na non proclamación. Aínda así o Patrimonio Inmaterial Galego-Protugués estivo ata última hora enriba da mesa das decisións.

Ana Zacarías, embaixadora de Portugal en Estonia e membro do xurado explicaba aos promotores, en París, que a decisión sobre a esta Candidatura foi a máis difícil de tomar e “estivo até o último momento pendente”. Ela transmitiu ao xurado o proceso modélico desta Candidatura e a riqueza do patrimonio contemplado.

O xurado expuxo na rolda de prensa posterior á proclamación de hai unha semana a valoración positiva deste proxecto “ moi meritoria, cun plan de acción ben trazado, ben documentada, pero excesivamente ampla para o que quería proclamar este ano a UNESCO”. Indicaron tamén que todo o traballo desenvolvido foi “moi importante, dun grande valor, e que ten que servir para seguir traballando de aquí en diante, tanto nas escolas coma dende as diferentes administracións”.

Ana Zacarías afirmaba que a consecución do futuro recoñecemento da UNESCO vai depender “do voso empeño” así coma da mobilización dos “esforzos das autoridades oficiais de cada un dos países, e do seu empeño, e do seu envolvemento nesta Candidatura”.

Ábrese, por tanto, unha nova porta para que galegos e portugueses continuemos a traballar na defensa deste patrimonio, ainda que procedemento para as proclamacións cambiará coa próxima entrada en vigor da Convención para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial. Esta nova normativa establece a existencia dunha Lista Indicativa na UNESCO na cal os Estados poderán inscribir as Obras Mestras, tanto nacionais como multinacionais.

Os promotores consideran asía que “o camiño andado pode ser un bo soporte para convencer a ambos gobernos para que o patrimonio inmaterial galego-portugués sexa inscrito no futuro nesa Lista Indicativa”, logo do indicando de xeito reiterado nos últimos días de que “é preciso continuar o traballo de investigación, protección e salvaguarda das tradicións que unen galegos e portugueses”.

Dende a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas! queren por último agradecer ás Escolas Asociadas da UNESCO e a todas as persoas que durante este “ itinerario dun soño” lles acompañaron e lles axudaron “a ver a luz onde só había tebras”, un agradecemento que de xeito especial queren brindar á comunidade educativa, que deposita neste patrimonio a súa confianza.

A cea de onte rematou cunha boa representación do Patrimono Inmaterial por parte dos asistentes con cantigas tradicionais das dúas beiras do río.
 
08/12/2005
Información sobre o resultado acadado na Unesco
Información sobre o resultado acadado na Unesco
 
26/11/2005
A UNESCO valora o traballo das escolas e anima a continuar co proxecto
A amplitude e diversidade deste patrimonio foi un “handicap” para a proclamación

O traballo desenvolvido polas escolas galegas e portuguesas entorno ao Patrimonio Inmaterial galego-Portugués foi valorado positivamente polo xurado das terceiras proclamacións de Masterpieces os The Oral and Intagible Heritage of Humanity.

A Candidatura foi ben valorada pero non acadou o recoñecemento internacional, segundo explicaban os membros dos xurados en rolda de prensa posterior á cerimonia, polo súa amplitude tanto no territorio que abarca coma na diversidade de manifestacións que comprende. Este foi o motivo que levou no último minuto a non conceder ao Patrimonio Galego Portugués este recoñecemento internacional. Dende a UNESCO animouse aos promotores a continuar o traballo reenfocando o proxecto.O máis valorado foi a súa orixe na sociedade civil, singularmente nas escolas, xunto ao feito de tratarse dunha cultural común estendida polo territorio de dous países.



Os promotores da candidatura desprazados ata París, fan fincapé no feito de que “Aquí non remata nada” é só un punto e seguido, indicando que o mero de feito de ter chegado ata aquí é xa de por si un logro importante para a cultura galega e portuguesa.A posta en valor que se fixo de todo este Patrimonio, e a difusión que do mesmo se levou a cabo é so o punto de partida.

Santiago Veloso, Presidente da Asociación Ponte ...nas Ondas!” indicaba que “nada se pecha aquí, ábrese unha porta alternativa, o traballo feito ate o de agora facilita o camiño para que ese patrimonio sexa inserido directamente polos gobernos. Ábrese unha porta a esperanza”. Explicaba Veloso que a riqueza e diversidade deste patrimonio foi un “handicap” xa que dificultaba a adopción de medidas concretas de protección.



Insistiu Santiago Veloso en que se abre unha nova porta para que a Candidatura sexa reformada e poder incluíla na lista indicativa”.

Os promotores estiveron arroupados no acto desenvolvido na UNESCO por o Vicepresidente da Xunta, Anxo Quíntana, a Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, o Secretario Xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, e pola Delegada de Cultura en Pontevedra, Marta Souto.Acudiu tamén a París para dar o seu respaldo a Candidatura Camilo Nogueira.



 
21/01/2008
Encontro galego-portugués en Salceda de Caselas
 
13/12/2007
O Parlamento Galego apoia a Candidatura sen condicións