Santiago Veloso Membro da Asociación Ponte nas Ondas
É innegable que tanto o pobo galego como o portugués compartiron historicamente a mesma cultura e que aínda hoxe permanece viva en moitos aspectos comúns. Unha das súas manifestacións a unha e a outra beira da fronteira é a tradición oral ou o que a UNESCO denomina máis amplamente como Patrimonio inmaterial e intanxible.
Conscientes de que este patrimonio, polas súas propias características, é moito máis vulnerable que as testemuñas da cultura material, as escolas de Galiza e Portugal veñen realizando desde hai anos a experiencia de comunicación Ponte...nas ondas!, decididas a emprender un traballo de incorporación ás aulas de todo este patrimonio inmaterial co fin de recuperar e revitalizar todo este vasto legado que se está a ver como é substituído pola poderosa cultura audiovisual e a cada vez maior tendencia uniformizadora da sociedade actual.
Sensibilizada con esta cuestión, a comunidade educativa das dúas poboacións impulsa a candidatura de patrimonio inmaterial da tradición oral galaico-portuguesa.
A UNESCO define o patrimonio inmaterial intanxible como “o conxunto de formas da cultura tradicional e popular ou folclórica, é dicir, as obras colectivas que emanan dunha cultura e se basean na tradición. Estas tradicións transmítense oralmente ou mediante xestos e modifícanse co transcurso do tempo a través dun proceso de recreación colectiva. Inclúense nelas as tradicións orais, os costumes, as linguas, a música, os bailes, os rituais, as festas, a medicina tradicional e a farmacopea, as artes culinarias e todas as habilidades especiais relacionadas cos aspectos materiais da cultura, tales como as ferramentas e o hábitat.”
Para moitas poboacións (e especialmente para os grupos minoritarios e as poboacións indíxenas) o patrimonio intanxible representa a fonte vital dunha identidade profundamente arraigada na historia. A filosofía, os valores, o código ético e o modo de pensamento transmitido polas tradicións orais, as linguas e as diversas manifestacións culturais constitúen os fundamentos da vida comunitaria. A índole efémera deste patrimonio intanxible faino vulnerable.
A salvagarda deste patrimonio debe arrancar da iniciativa individual e recibir o apoio das asociacións, especialistas e institucións e deberá ser tomada en consideración polas autoridades estatais. A UNESCO está aí para prestar axuda cada vez que as autoridades dun estado membro llo piden, e promove todo tipo de actividades para a difusión a nivel mundial do patrimonio proclamado Obra Mestra da Humanidade.
Ponte... nas ondas! é unha experiencia educativa e cultural que integra o traballo activo cos medios de comunicación e as novas tecnoloxías nas aulas.
No ano 1995, con motivo da inauguración dunha ponte internacional entre as localidades de Salvaterra, en Galiza, e Monçao, en Portugal, un grupo de escolas con experiencias en radio escolar, deciden erguer unha ponte de comunicación entre alumnos/as de Ensino medio e Primario das comarcas “minhotas” veciñas, mediante a posta en antena dunha xornada de radio realizada integramente por alumnado de 16 centros educativos das dúas marxes do Miño.
Desde entón, a experiencia foi incrementando a participación de novas escolas, entre elas a rede de Escolas asociadas á UNESCO, e tamén a actividade foi converténdose nun acontecemento cultural que inclúe a colaboración de xornalistas dos principais medios de comunicación de España e Portugal, ademais de artistas e escritores.
No mes de febreiro de 2004, coincidindo cos 10 anos de actividades, o EBLUL- European Boureau for Lesser Used Languages- (Órgano consultivo da Unión Europea para as linguas minoritarias) recoñeceu a actividade como un “exemplo de boas prácticas entre linguas fronteirizas”.
A partir da VII edición, que tivo como tema central “A Rota do Escravo”, outro proxecto da UNESCO foi o núcleo das seguintes: “O patrimonio inmaterial intanxible”. Ademais da xornada radiofónica, realizouse a MOSTRA DA ORALIDADE GALEGO-PORTUGUESA, no que foi o primeiro acto público de dinamización da candidatura á UNESCO.
Así na IX edición abordouse outro aspecto relacionado co patrimonio inmaterial, “A cultura marítima”. O mar que une a galegos e portugueses foi levado ás aulas con todas as súas formas de expresión. Paralelamente realizábanse novas accións de dinamización como o festival MAR DA ORALIDADE.
A última edición foi celebrada o 7 de maio de 2004 baixo o lema “Patrimonio vivo”, constituíu unha expresión das manifestacións da cultura tradicional de carácter inmaterial que a candidatura á UNESCO pretende preservar. Novas accións de divulgación da candidatura, unha nova MOSTRA DA ORALIDADE GALEGO-PORTUGUESA, conexións coa Radio Galega ou co programa “Hoy por hoy” de Iñaki Gabilondo, así como unha extensión do ámbito de actividade tanto xeográfica como socialmente que veu dado polo convite aos alumnos da escola de música “Béradêro” do Paraíba-Brasil (que corresponderon con actuacións por toda Galiza en que se puido comprobar máis unha vez as afinidades culturais entre galegos e brasileiros) deron a coñecer a actividade xerada.
A exposición “Dez anos nas ondas” que recolle toda a actividade desenvolvida, estreada no Verbum-Casa das palabras en maio deste mesmo ano, percorrerá a xeografía galega e portuguesa.
O profesorado das escolas participantes en Ponte...nas ondas! quere dinamizar na sociedade galega e portuguesa a promoción dunha candidatura para que a UNESCO declare o Patrimonio inmaterial intanxible da tradición oral galego-portuguesa como “Obra Mestra do patrimonio Inmaterial”.
Desde o ano 2001, a asociación PONTE...NAS ONDAS!, integrada por profesores e profesoras das dúas marxes do Miño está a contactar con particulares, asociacións, organismos, universidades e institucións para dar a coñecer esta iniciativa coa finalidade de instar ás administracións galega, española e portuguesa a presentación esta Candidatura á UNESCO.
A candidatura do “Patrimonio inmaterial e intanxible da tradición oral galego-portuguesa” recolle aquelas manifestacións da tradición oral en que resultan evidentes os aspectos unitarios ou comúns entre os dous pobos. Baixo o lema “A TRADICIÓN ORAL GALAICO-PORTUGUESA. SIMBOLOXÍA E APROPIACIÓN DO MEDIO NATURAL”, os profesores D. Xosé Manuel González Reboredo, membro da sección de Antropoloxía do Consello da Cultura Galega e, D. Álvaro Campelo, director do Centro de Antropoloxía Aplicada da Universidade Fernando Pessoa de Porto, elaboraron un documento teórico que fundamenta a proposta.
A historia de Galiza e de Portugal presenta desde os tempos prehistóricos uns lazos e unhas características comúns que conformaron unha etnia cunha forte identidade propia e cunha cosmovisión particular. Os sucesivos cambios que afectaron esta parte do territorio non foron quen de dividir esta conformación da identidade colectiva, que está no substrato etnolóxico e que se manifesta nunha expresión colectiva que se remonta ás orixes da historia.
Ademais se se ten en conta que o medio de vida desta sociedade estaba directamente relacionado co mundo natural, as manifestacións orais deste patrimonio están vinculadas ao ciclo agrario e da natureza.
A vitalidade desta cultura pervive aínda en boa parte do territorio e expresa a amalgama de percepcións e vivencias que as xentes foron vivindo no transcurso da historia. Esta concepción e filosofía da vida presenta unha unidade formal perfectamente delimitable e constatable e constitúe un tesouro vivo dunha forma de vida e dunha percepción do mundo que esmorece e que se transforma vertixinosamente.
A literatura popular, especialmente o cancioneiro de tradición oral, é unha desas parcelas do patrimonio intanxible que permaneceu obstinadamente fiel ao pasado común tanto na Galiza influída por Castela como no Minho portugués.
Todo este acervo cultural popular está en serio perigo de desaparecer polas mudanzas sociais dos últimos tempos: Ao desapareceren as formas de vida tradicionais morren con elas os portadores do patrimonio, a memoria e miles de palabras, saberes e costumes que conformaban un xeito de vivir. Ao morrer o obxecto ou a actividade, morre con eles toda unha tradición e cultura.
Coa proclamación pola UNESCO da nosa cultura común como “Obra Mestra do Patrimonio Inmaterial”, será posible actuar sobre esta base común dun patrimonio cultural intanxible que sobreviviu indivisible a adversidades históricas e políticas, e que perdura aínda como unha marca de identidade. Así, para alén de honrar todos os transmisores orais que nos achegaron a hoxe contos, lendas, anécdotas, refráns, adiviñas, música, teatro, danza e formas peculiares de facer e de se adaptar ao medio, comprometerase á sociedade galega e portuguesa na defensa e protección dese legado.
As escolas de “Ponte...Nas Ondas!” desexan que a defensa, transmisión e revitalización deste patrimonio común sexa considerada unha das prioridades educativas no ámbito das escolas de Galiza e Norte de Portugal, de acordo coas recomendacións da recente Convención do Patrimonio Inmaterial aprobada pola UNESCO recentemente.