Vieiros Canal Lusofonía

Edición xestionada por PNN e Vieiros
 FORO

A sección onde deixares as túas opinións, comentarios ou suxestións e debater con outros internautas.

 

A XUNTA AXUDARÁ AO NOVO IMPULSO DA CANDIDATURA CONXUNTA Á UNESCO
Na busca da "segunda xeración" da cooperación galego-portuguesa

[08/03/2006 14:13] A "gran oportunidade" da colaboración entre Galiza e o Norte de Portugal vén sendo habitual en declaracións formais e discursos de líderes de todos os grupos políticos nos últimos anos. Así e todo na práctica, os organismos xa constituídos veñen amosando claros défices na súa actividade e así o recoñecían hai pouco desde a propia secretaría xeral de Relacións Exteriores. O presidente da Xunta afondou un chisco este mércores no Parlamento no proxecto do bipartito para o impulso da cooperación na eurorrexión. De paso anunciou que o bipartito apoiará outra vez diante da Unesco a candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués.


"Sabemos ben das dificultades que pode atravesar, nun momento determinado, o país veciño, pero iso non debe impedir que traballemos con vocación de futuro, e que a Eurorrexión non sexa o motor e a garantía do impulso, dos proxectos estratéxicos pendentes". Emilio Pérez Touriño referíase así e de xeito moi concreto ao futuro da infraestrutura ferroviaria entre Galiza e Portugal, que na súa opinión é "prioritaria e fundamental" para o camiño conxunto da eurorrexión.

Lembrou ao respecto o grupo de traballo constituído no recente cumio de Évora entre as administracións española e portuguesa para o estudo desta infraestrutura e avanzou que nesa avaliación hai xa dous representantes da propia comunidade de traballo Galiza-Norte de Portugal. De xeito paralelo, a Xunta e a Comisión de Coordinación de Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal asinaron tamén "un protocolo de colaboración para a elaboración dun estudo sobre o enlace ferroviario de altas prestacións entre Vigo-Porto". Dese informe sairá ademais unha valoración económica das perdas económicas que a eurorrexión afrontaría de non executarse esa obra a curto prazo.

Outros eixos estratéxicos
Touriño referiuse especialmente ás posibilidades para a creación dun espazo económico "definido pola innovación e o desenvolvemento tecnolóxico", indicando que "a nova sociedade do coñecemento onde teñen que estar Galiza e o Norte de Portugal ten dous piares esenciais: a innovación tecnolóxica e o capital humano". Nese contexto destacou a iniciativa conxunta de creación en Braga dun centro internacional de excelencia en materia de investigación e desenvolvemento tecnolóxico e o proxecto de desenvolvemento dunha Plataforma Tecnolóxica do Mar. No mesmo sentido, avanzou que se estimulará o intercambio entre as uiversidades ás dúas beiras do Miño e anunciou que en xuño se celebrará un encontro científico-tecnolóxico Galiza-Norte de Portugal.

A prol do patrimonio inmaterial
"As oportunidades son múltiples e variadas, sustentadas polos estreitos vínculos que existen entre Galicia e o Norte de Portugal", subliñou o presidente da Xunta referíndose á necesidade de elaborar
estratexias que "reforcen o campo turístico, audiovisual e cultural", vontade que incluirá o apoio de novo á candidatura promovida por Ponte nas Ondas para a declaración pola Unesco como obra mestra da Humanidade do patrimonio inmaterial galaico-portugués.



Ligazóns relacionadas:
Os alcaldes do Eixo Atlántico insisten en que o novo tren Vigo-Porto relanzaría a economía
A Xunta busca o reaxir da comunidade de traballo galego-portuguesa e a redefinición da Fundación Galiza-Europa

COMENTARIOS:

Hai 0 comentarios para esta nova. Le os comentarios e participa




© Vieiros