
OURENSE
Inmateria
DIARIO DE AURIA
| O |
(XOSÉ CARLOS CANEIRO)
O próximo venres imos coñecer, en París, se o Patrimonio
Inmaterial galego portugués é considerado obra mestra da humanidade. Non é un
asunto sen relevancia. Ao revés: probablemente estamos dirimindo o asunto
cultural máis importante que ten vivido Galicia nos últimos anos. Imaxinen
vostedes que o noso patrimonio resulta vencedor. Non falaremos unha lingua en
desuso, senón unha obra mestra da humanidade. E obras mestras serán as nosas
tradicións, festas populares, entroido, magosto, as regueifas e danzas, as
cantigas e folclore. Hai un protocolo asinado no que o goberno se compromete a
unha serie de actuacións ao respecto se o noso patrimonio resulta elixido. É
unha gran oportunidade. Galicia está a xogarse a súa salvación como cultura: por
orgullo de marca no mundo, por recoñecemento a anos de historia, por homenaxe a
todos os que souberon gardar todo o que nos define. A maioría dos concellos do
país asinaron protocolos de apoio á nosa candidatura. Só en Verín, os do Pepé,
rexeitaron a moción presentada ao efecto. Paréceme un acto de
irresponsabilidade. E non hai escusas: tempo, forma, presentación. Reitero, non
hai escusas. Agardo que o Partido Popular, que apoia esta iniciativa en todo o
país, rectifique nos próximos días (antes do vintecinco, en todo caso). Eu
procurarei brindar o vintecinco, e celebralo, grandemente. A inmateria é a nosa
alma, a nosa definición, o noso sentir e as emocións que nos viven e percorren,
con ansia. Só me resta o encomio a aqueles que protagonizaron esta candidatura,
a Santiago Veloso e todos os que o rodearon. Esta é a xente anónima que fai
país. A xente sen subvencións, sen estatuas, sen recoñecementos públicos. Sirva
esta columna para ensalzar o seu traballo. Sirva para abrazar a súa carne e o
seu corazón enorme, libertario, sensible, tan xeneroso. Qué gran exemplo nestes
tempos. Gracias, camaradas.