|
Ponte...nas Ondas! reúne
este venres a 25 mil alumnos na súa décimo segunda
edición
A xornada de radio poderá ser seguida en
directo no Teatro Municipal de Tui.
Baixo o título “Os sons da Ponte” este venres
celébrase a décimo segunda edición de Ponte...nas
Ondas!. Cincuenta e tres centros educativos de tres
continentes, América, África e Europa, participarán
nesta xornada de radio interescolar na que involucrarán
25 mil alumnos de primaria, secundaria, e
universitarios.
A xornada foi presentada este mediodía no edificio da
Área Panorámica en Tui, onde este venres se situará o
centro neurálxico de Ponte...nas Ondas!, xa que o seu
Teatro albergará este programa radiofónico, e brindará a
oportunidade de asistir ao mesmo a escolares e público
en xeral. A presentación correu a cargo de Moisés
Rodríguez, Concelleiro de Cultura de Tui, Santiago
Veloso, Xerardo Feijoo, e Lourdes Carita da Asociación
Ponte...nas Ondas! e Jose Font director da Radio
Municipal de Tui.
Esta experiencia naceu en 1995 coincidindo coa
apertura da Ponte Internacional entre Salvaterra e
Monçao, segundo recordaba Xerardo Feijoo, Secretario de
Ponte...nas Ondas!, indicando que "se fixo outra ponte
virtual que uniu aos alumnos galegos e aos portugueses"
co obxectivo de polos en contacto cos medios de
comunicación e "rachar" o descoñecemento mutuo que
existía. Dende entón "o treito percorrido foi longo"
dicía, explicando que houbo dous momentos determinantes,
o primeiro en 1999 coa emisión do programa ao través de
internet, o que "supuxo achegar a iniciativa a recunchos
de todo o mundo", e o segundo en 2000 "cando entrou na
parte técnica a Radio Municipal de Tui" explicou Xerardo
Feijoo, sinalando que "dende entón este foi un dato
determinante na evolución da experiencia que este ano se
acrecenta".
Lourdes Carita, representante de Ponte...nas Ondas!
en Portugal, destacou pola súa parte a gran novidade na
parte lusa da incorporación dunha escola de Madeira, e a
volta a participación do Instituto de Beradêro e do
Colexio Pedro Segundo de Brasil. A isto engadiu o
feito de que por vez primeira as radios do Alto Minho
van emitir integramente o programa, o que redundará na
súa maior difusión e seguimento.
A este feito contribuirá tamén na parte galega a
emisión de Ponte...nas Ondas! ao través da Asociación de
Emisoras Municipais Galegas, EMUGA, o que segundo
explicaba Jose Font, Director da Radio Municipal de Tui,
"converte a emisión en máis complexa ao enlazarse entre
as diferentes emisoras por aire, por rdsi e por
satélite".
"Os sons da Ponte" o lema que este ano ten esta
xornada de radio interescolar é unha nova aposta de
Ponte...nas Ondas! polo patrimonio inmaterial galego
portugués que se candidatou a Patrimonio da Humanidade
ante a UNESCO o ano pasado. Apostase amais,
segundo Lourdes Carita, polos "sons do pasado, do
presente e do futuro, porque as tradicións se renovan e
refaen en cada xeración".
Santiago Veloso, Presidente de Ponte..nas Ondas!,
pola súa parte destacou as colaboracións musicais que
haberá nesta edición de Ponte...nas Ondas! con estreas e
temas feitos para esta xornada. Así Narf e Amelia Muge
puxeron música a un poema de Rosalía de Castro para
interpretar este venres día 26. Mentres Luanda Cozetti
estrenará "Alecrin", un tema galego portugués. E nesta
xornada e logo o día 3 de xuño na V Mostra da Oralidade
do Porriño, haberá oportunidade de coñecer o "timbila"
un instrumento mozambiqueño proclamado Obra Mestra da
Humanidade.
Santiago Veloso fixo amais unha invitación ao público
e aos escolares a asistir en directo no Teatro Municipal
de Tui á esta décimo segunda xornada de radio
interescolar, ao tempo que manifestaba o seu
agradecemento ao Concello de Tui e a emisora municipal
pola colaboración prestada. Do mesmo xeito, Moisés
Rodríguez, Concelleiro de Cultura de Tui, agradeceu que
a presentación deste ano tivese lugar en Tui e destacou
á Radio Municipal de Tui e o Teatro Municipal coma
elementos importantes nesta
edición. |