Se algún día xurde a iniciativa de cambiar
o noso vello, entrañable e interminable himno que reproduce as
conversas que mantén a foresta do monte sobre aspectos patrióticos,
eu propoño desde xa e desde aquí aquel dos Luthiers que comeza:
Ya el sol asomaba en el poniente
ya el cóndor surcaba el firmamento
y la patria gloriosa, heroica y valiente
de victoria profiere el juramento...
e remata:
Ya los fieros enemigos se alejaron
no resuena el ruido de sus botas
nos pasaron por encima y nos ganaron,
nos dejaron, en derrota.
Perdimos, perdimos,
perdimos otra vez.
Efectivamente, desde que apostamos por Juana la Beltraneja
en detrimento de Isabel a Católica, historicamente non atinamos
nin o complementario, e nos últimos días perdemos dúas veces.
A primeira, cando Florentino Pérez se sacou a espiña dos desgustos
deportivos que lle dan os seus empregados millonarios mandando
unha OPA sobre Unión
Fenosa e contra os seus
socios galegos (o que tecnicamente se chama dar unha labazada
en cara allea). A segunda, cando a UNESCO non aceptou a proposta
de declarar “obra mestra” do Patrimonio Inmaterial da Humanidade
a cultura oral galego-portuguesa. Desde o punto de vista oficial,
as dúas derrotas son unicamente batallas perdidas de guerras que
aínda non remataron. Un consolo relativo, en primeiro lugar porque
de ganalas terían rematado esas guerras. En segundo, librámolas
porque antes perdemos outras. No caso da compañía eléctrica é
unha loita por reconquistar o que deixaron perder entre o beneplácito
e os aplausos da Galicia oficial. No outro é un intento de que
recoñezan como digno de manter algo, a nosa cultura oral tradicional,
que nós propios deixamos que estea en risco de desaparecer. O
sexa, a habitual manobra de apreciar algo que temos diante dos
fuciños gracias a que o aprecien primeiro fóra (“¿E din que esto
ten mérito?, eu ver non llo vexo, pero se o din...”).
Nos dous asuntos pecamos –ben, a verdade é que pecaron
outros, pero asumamos a parte alícuota- de pinzos voluntaristas.
O do Patrimonio foi un esforzo ímprobo pouco menos que individual,
lanzado a puro huevo entre a desidia oficial. A anterior administración
autonómica tiña moita máis práctica e moito maior interese en
promover verbenas que iniciativas culturais. No ministerio de
Cultura non tiñan nin idea de que se podían presentar cantas propostas
se quixera se eran transnacionais, e en canto llo dixeron os do
galego-portugués. déronse presa en propoñer o flamenco, en base
primeiro ó moito que se practica no Xapón e logo na comunidade
de raíces mediterráneas (claro que o flamenco non só non está
a punto de desaparecer, senón que o que necesita protección contra
el e o resto do mundo circundante). Así que os únicos que se mollaron
algo foron o Goberno portugués e, ás carreiras, a actual
Xunta.
Con todo, hai un balance positivo. Seguimos sendo unha
sociedade que fundamentalmente se recoñece nas derrotas, pero
xa estamos na fase de, polo menos, sabernos equipo.
---
sihomesi.com